O PP de Lourenzá organiza unha xornada para abordar o futuro do sector da faba

AMariñaXa
Durante a xornada analizaranse os principais desafíos que deberá afrontar o sector nos próximos anos
Faba_Lourenza_4decembro
5 Mar 2025

O Partido Popular de Lourenzá organiza este venres, 7 de marzo, un encontro dirixido aos profesionais do sector da faba, baixo o título Faba de Lourenzá: retos de futuro.

Durante a xornada analizaranse os principais desafíos que deberá afrontar o sector nos próximos anos, ademais de escoitar as inquedanzas dos produtores para buscar solucións que garantan a súa viabilidade.

O voceiro do PP de Lourenzá, Roberto Díaz, destaca que esta xornada será "moi interesante e fundamental para os profesionais do sector, que son moitos na nosa comarca". Subliña a importancia de atopar solucións aos problemas actuais e aos que poidan xurdir no futuro, para asegurar a continuidade desta actividade económica esencial para a zona.

Díaz tamén lembra que o seu grupo leva tempo traballando e mantendo reunións con Agacal (Axencia Galega da Calidade Alimentaria) para analizar a situación do sector e poder trasladar aos fabeiros propostas concretas. "A realidade é que están moi preocupados pola situación actual, e queremos aportar solucións reais", asegura.

A xornada desenvolverase no salón de actos do Concello de Lourenzá a partir das 16.00 horas e contará coa participación de Martín Alemparte Vidal, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e Alfredo Taboada, tecnólogo investigador de Agacal-CIAM e responsable da sección hortícola do Banco de Recursos Fitoxenéticos de Agacal.

Este evento busca ser un espazo de diálogo e reflexión sobre os retos e oportunidades do sector, promovendo o intercambio de ideas entre profesionais e expertos.

⚙ Configurar cookies
0.17294692993164