O PP de Lourenzá esixe á alcaldesa que faga públicos os case 5 millóns de euros investidos pola Xunta
O PP de Lourenzá esixe á alcaldesa que faga públicos os case 5 millóns de euros investidos pola Xunta en Lourenzá de 2021 a 2023 tras ver como a alcaldesa de Lourenzá denunciaba nas súas redes sociais que a Xunta de Galicia non concedeu seis axudas (de 40.000 euros cada unha) ao municipio nos últimos seis anos (de 2019 a 2024).
Os concelleiros do PP de Lourenzá esixen así que tamén faga públicos os 4.890.075,90 euros que a Xunta investiu en Lourenzá entre 2021 e 2023, afirmando que a alcaldesa “unicamente se centra no negativo” porque o seu único obxectivo “é confrontar coa Xunta, en lugar de centrarse en traballar para acadar o crecemento de Lourenzá”.
Unha afirmación que os populares apoian en que o único criterio para non conceder estas axudas foi que “o Concello non chegou á puntuación mínima esixida” para ser beneficiarios. De feito, os populares sinalan que “non queremos ser mal pensados” pero todo apunta a que a rexedora presentou as axudas sendoconsciente de que non as concederían para “poder criticar ao goberno autonómico”.
Dende o PP de Lourenzá explican que o Concello “concorreu en inferioridade de condicións” ao non presentarse conxuntamente con outros municipios “o que tería dado os puntos necesarios para que Lourenzá obtivese estas axudas”.
Ademais, a Xunta tamén colabora con Lourenzá doutros xeitos. Por exemplo, en 2023, das cinco solicitudes nas que participou este concello só se lle denegou unha e este ano xa resultou beneficiaria de tres das catro solicitudes presentadas. "Unha colaboración constante que todos os veciños de Lourenzá coñecen e para exemplo o apoio maioritario que os laurentinos lle deron ao Partido Popular nas últimas eleccións autonómicas de febreiro", explican.