O PP de Lourenzá di que o "o Concello pecha 2022 cun déficit de máis de medio millón de euros"

AMariñaXa
Os concelleiros do Partido Popular de Lourenzá denuncian que o informe do servizo de secretaría-intervención sobre a Conta Xeral do exercicio 2022 confirma a complicada situación económico-financeira do municipio.
Lourenza 2023 PP Concelleiros
23 Out 2023

Os concelleiros do Partido Popular de Lourenzá denuncian que o informe do servizo de secretaría-intervención sobre a Conta Xeral do exercicio 2022 confirma a complicada situación económico-financeira do municipio. A alcaldesa non foi capaz de cadrar as contas e o Concello pechou o pasado exercicio cunha desviación orzamentaria de máis de medio millón de euros, en concreto, 519.172,27 euros de déficit.

A preocupación dos populares pola xestión económica-financeira do goberno socialista atópase motivada polo “incumprimento da estabilidade orzamentaria”; pero tamén porque ese descontrol de gasto non se está a traducir nunha mellora dos servizos municipais, en novos investimentos ou obras a favor das veciñas e veciños.

Os Concellos tiñan permitido no ano 2022 incorrer en desequilibrios ao estar suspendidas as regras de estabilidade orzamentaria pero, noutras circunstancias, ese déficit obrigaría a adoptar un plan de axuste, que non é nada descartable ter que asumir nun futuro próximo.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular en Lourenzá piden ao goberno local socialista que se dedique menos a atacar á oposición, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, e sexa máis áxil á hora de xestionar subvencións doutras administracións que aforran cartos das arcas municipais e permiten planificar con tempo e previsión todo aquilo que beneficia aos laurentinos.

Como exemplo desta situación lembran o acontecido co campamento de verán –sobre o que recoñeceron que carecía de respaldo orzamentario, pese a ser un servizo moi positivo para o coidado e conciliación dos máis novos- ou coa negativa do Concello a solicitar un obradoiro de emprego, a pesar de que había veciños interesados en participar nel.

Desde o PP apuntan que non pretenden facer unha política de confrontación; senón cumprir co seu labor de control ante a evidencia de que “á alcaldesa se lle está indo das mans todo o que ten que ver coa xestión da Facenda municipal”.

0.15281701087952