O PP de Lourenzá critica os atrasos no pago ás traballadoras do SAF e esixe solucións urxentes

O Partido Popular de Lourenzá volve poñer o foco na situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ás que se lles deben atrasos salariais que, segundo denuncian, aínda non teñen data fixa de pago. Desde o grupo municipal lembran que é responsabilidade directa do goberno local garantir a xestión dos recursos e o cumprimento dos dereitos laborais do persoal municipal.
Os populares lamentan que as empregadas tiveran que chegar a advertir dunha posible folga para ser atendidas. “Só así o executivo escoitou as súas reclamacións e tomou cartas no asunto, aínda que sen compromisos concretos”, sinalan.
Desde o PP critican que, tras unha reunión coas traballadoras, o equipo de goberno limitouse a ofrecer promesas sen poñer sobre a mesa unha solución inmediata. “Agardamos que cumpran o acordado e resolvan esta situación canto antes, porque o que está en xogo son os dereitos laborais e a continuidade dun servizo fundamental para a veciñanza máis vulnerable”, engaden.
O grupo popular responde ás críticas do goberno socialista, que os acusaba de “crear polémica”, explicando que “só trasladamos as queixas das propias traballadoras, que foron ignoradas ata que alzaron a voz publicamente”.
Ademais, denuncian que o executivo local segue sen actualizar os salarios conforme ao IPC e continúa encadeando contratos temporais con traballadoras que legalmente deberían ser xa fixas. “Non se trata de poñer paus nas rodas, senón de reclamar que se fagan as cousas ben”, conclúen, pedindo “menos confrontación e máis xestión”.