O PP de Lourenzá critica o incumprimento das axudas ao transporte escolar

O Partido Popular de Lourenzá expresou a súa preocupación despois de que o goberno local, durante o último Pleno, recoñecese que non se chegou a realizar o pago das axudas comprometidas para o transporte escolar do alumnado de bacharelato do IES San Rosendo de Mondoñedo.
Segundo explicaron desde o goberno municipal socialista, a contía de 3.000 euros, prometida anteriormente polo alcalde en funcións, non foi abonada á empresa de transporte, a pesar de que se asegurara que se repercutiría directamente nas familias usuarias do servizo.
Os populares consideran que esta situación representa “un engano ás familias, que confiaron nun compromiso público que finalmente non se cumpriu”. Engaden que “o peor non é só non cumprir, senón xerar falsas expectativas e non ofrecer explicacións claras ás persoas afectadas”.
Desde o PP de Lourenzá insisten en que o goberno local debe actuar con responsabilidade e respectar ás familias, evitando realizar promesas que logo non se materializan, e instan a que se solucionen canto antes as irregularidades detectadas.