O PP de Lourenzá lamenta a “falta de previsión" na contratación da brigada forestal
O PP de Lourenzá lamenta “a falta de previsión do goberno local socialista” para convocar o proceso de selección da brigada contra incendios forestais. Os populares explican que “o goberno local convocou tarde o procedemento de selección e contratación”.
Os populares inciden en que “sabían dende o mes de maio, cando asinaron o convenio coa Xunta, que o proceso tiña que estar rematado, como moi tarde, o 15 de agosto e agardaron ata o 4 de agosto para convocar”. Polo tanto, “non valen as escusas. Se tiveran convocado con anterioridade, como fixeron outros Concellos, habería máis posibilidade de contar cun xefe de brigada”.
“Lamentablemente, pola desidia e falta de xestión do goberno local socialista, Lourenzá quedará sen esta brigada e, incluso, os tres peóns seleccionados non poderán ser contratados ao non dispoñer dun xefe que é indispensable para conformar cada brigada”, engaden.
Dende o Grupo Municipal Popular lembran que “o ano pasado nin sequera pediron unha brigada e este ano poñen desculpas pola súa falta de previsión. É inaudito que nun concello con importante zona forestal que precisa traballos de prevención de incendios, os seus responsables non poñan máis da súa parte para aproveitar estes medios para os que os Concellos contan coa colaboración da Xunta”.