O PP de Lourenzá critica as prioridades do goberno local no mantemento das estradas

AMariñaXa
Os populares denuncian que se arranxan pistas próximas a cargos municipais mentres vías moi transitadas seguen sen actuacións
PP-Lourenza-arranxo-estradas-1
10 Feb 2026

O Partido Popular de Lourenzá volveu cargar contra a política de mantemento viario do goberno municipal, ao considerar que existe unha clara falta de criterio á hora de establecer prioridades na reparación das estradas do concello. Desde a formación popular aseguran que nas últimas semanas se levaron a cabo actuacións en pistas situadas nas inmediacións das vivendas de membros do executivo local, mentres outras vías de uso diario continúan presentando un estado deficiente.

Os populares poñen como exemplo a estrada que conecta Lourenzá con San Xusto, unha vía que cualifican de “clave para a mobilidade da veciñanza” debido ao seu elevado tránsito. Segundo denuncian, este tramo leva tempo sen recibir melloras, a pesar de ser competencia directa do Concello e de presentar problemas que afectan tanto á seguridade como á comodidade da circulación.

Desde o PP consideran que estas decisións reflicten unha xestión pouco equilibrada dos recursos públicos e cuestionan que se prioricen actuacións en zonas vinculadas a responsables municipais fronte a outras necesidades máis urxentes. A formación insiste en que o mantemento da rede viaria debe responder a criterios obxectivos, baseados no uso das estradas e no seu estado real, e non en intereses particulares.

Neste sentido, os populares reclaman ao Goberno local que revise a súa planificación e que actúe con maior sensibilidade cara ás demandas da cidadanía, garantindo un reparto xusto dos investimentos e atendendo primeiro aquelas infraestruturas que resultan esenciais para o día a día dos veciños e veciñas de Lourenzá.

⚙ Configurar cookies
0.08636999130249