O PP de Lourenzá critica a suba de impostos e taxas municipais
O PP de Lourenzá advirte aos veciños e veciñas da subida de impostos e taxas municipais -concretamente, da contribución (IBI) e da auga- aprobada hoxe en solitario polo goberno local do PSOE. Deste xeito, sinalan os populares, o Concello aplicará nos recibos do vindeiro ano unha suba de entorno a un 25 %; xa que “o IBI sube máis dun 27 % e a auga máis dun 24 %”. Os concelleiros do PP votaron en contra desta medida.
Os populares afean a “falta de traballo e de previsión do goberno socialista” que deriva “nesta subida que afectará directamente aos petos dos laurentinos”. Ademais critican que “a subida se aplique de forma abrupta” en lugar de “teren revisado os tipos impositivos e as taxas con máis frecuencia, no caso de estar xustificado”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular tamén advertiron durante o pleno que o tipo impositivo do Imposto de Bens Inmobles -coñecido como contribución- supera a media dos concellos da comarca que se sitúa nun 0,55 % para a urbana e 0,57 % para a rústica. O Concello de Lourenzá pasará a cobrar o 0,70 % do valor catastral de inmobles tanto urbanos coma rústicos.
O PP laurentino bota en falta, por outra banda, bonificacións nestes impostos e taxas en beneficio das familias numerosas ou persoas con menos recursos ou outras dirixidas a favorecer o asentamento de actividades empresariais como, por exemplo, as vinculadas ao turismo ou o Camiño de Santiago. As bonificacións do 95 % aplícanse á actividade agrícola e ás actividades económicas, “pero só no caso de que fomenten o emprego”. Nese sentido, cren que “sería positivo bonificar estes e outros impostos e taxas para fomentar a implantación de empresas de diversos sectores para tratar de xerar novas oportunidades e contribuír a asentar poboación”.
Os populares sinalan: “Nesta ocasión a alcaldesa adiantou a celebración do Pleno para que a subida destas taxas se poida aplicar xa no vindeiro ano 2025. É, polo tanto, un exemplo máis de que as cousas se fan ás présas, no último momento e sen previsión”.