O PP de Lourenzá critica a falta de previsión do goberno local nos desbroces municipais

O Partido Popular de Lourenzá vén de denunciar unha “deficiente planificación” por parte do goberno local á hora de executar os traballos de limpeza das marxes das estradas municipais e das zonas recreativas. A formación considera que a contratación de empresas externas para realizar estas tarefas supón un exemplo claro de “mala xestión” dos recursos dispoñibles.
Os concelleiros populares lembran que o Concello conta con maquinaria propia e persoal municipal cualificado para acometer estes labores, polo que critican que se recorra a servizos alleos “cando se podería facer cos medios que xa temos”. Segundo sinalan, isto está a xerar “facturas de contías elevadas que se poderían evitar cunha organización máis eficiente”.
Desde o grupo popular consideran que eses fondos públicos deberían destinarse a outras prioridades, como “pagar a provedores pendentes de cobro, arranxar vías de competencia municipal ou incluso recuperar actividades sociais como a comida anual dos maiores, que este ano non se celebrou con escusa de falta de orzamento”.
Ademais, aseguran que non é a primeira vez que expoñen esta problemática no pleno municipal, sen obter respostas satisfactorias. Afirman que a xustificación do executivo socialista foi que dispoñen dun tractorista, un peón de desbroce e dous operarios que tamén teñen que atender festas e eventos locais, polo que non poden centrarse só nos desbroces. “Cada goberno ten as súas prioridades e o seu xeito de traballar”, lles responderon.
Os representantes do PP insisten en que é necesario “facer unha planificación responsable e eficiente dos recursos para que Lourenzá poida avanzar”. Reclaman que o Concello “poña orde” e aproveite os medios existentes sen incorrer en gastos innecesarios, apostando por unha xestión máis eficaz e centrada nas verdadeiras necesidades da veciñanza.