O PP de Lourenzá critica a contratación dos traballos de roza a empresas privadas

AMariñaXa
O PP de Lourenzá critica a Rocío López pola contratación dos traballos de roza a empresas privadas, a pesar de que o Concello ten máquinas
desbroce rozar campo
25 Ago 2022

O Partido Popular de Lourenzá lamenta que "a falta de previsión e planificación polo goberno municipal presidido pola socialista Rocío López xere problemas aos veciños e supoña un incremento de custos ao Concello". Os populares refírense esta vez á campaña de roza que leva a cabo o Concello, mediante a contratación deste servizo, a pesar de que dispón de maquinaria para acometer estes traballos.

O PP de Lourenzá pregúntase por que tendo o Concello as ferramentas e os traballadores necesarios para levar a cabo a campaña de roza é necesario recorrer a contratación de empresas externas para facer este labor. 

Os populares destacan que, desta maneira, os veciños teñen que pagar, por un lado, a maquinaria que se mercou para facer os desbroces e, por outro,  pagar a empresas para que fagan ese traballo. 

No PP din que a explicación, a resposta as preguntas expostas, está na mala planificación do traballo. Os populares consideran que é mellor revisar as distintas zonas e planificar as rozas con tempo, para non verse na necesidade de facelo a semana previa ás festas patronais.

0.20156908035278