O PP de Lourenzá critica a ausencia de orzamentos municipais para 2026

O grupo municipal do Partido Popular en Lourenzá volveu poñer de manifesto a súa preocupación pola “falta de traballo do goberno local socialista”, salientando que, a estas alturas, o Concello segue sen presentar os orzamentos para o ano 2026. “Xa deberían estar en vigor, pero o goberno socialista nin sequera presentou unha proposta para valorar polo Pleno”, sinalan os concelleiros.
Segundo os populares, Lourenzá convértese un ano máis nun dos concellos que máis tardan en aprobar as súas contas. Lembran que os orzamentos do pasado exercicio non se aprobaron ata agosto de 2025, mentres que municipios veciños, gobernados por diferentes cores políticas, xa contan cos seus orzamentos para este ano. “Con este goberno, Lourenzá continúa perdendo visibilidade na comarca e está á cola da Mariña”, engaden.
Os concelleiros do PP alertan de que a aprobación tardía dos orzamentos convértese nunha constante, pero subliñan que “que sexa costume non quere dicir que sexa aceptable para un goberno responsable, que debería traballar polo desenvolvemento do municipio e pola prestación de servizos á veciñanza”.
Entre as críticas, destacan a “falta de xestión do día a día e das tarefas máis básicas, como a limpeza, o mantemento dos bens municipais e a prestación de servizos fundamentais”. Ademais, advirten da ausencia de planificación económica, imprescindible para afrontar os gastos e acometer novos investimentos.
“Descoñecemos cales son os investimentos previstos polo goberno socialista para este ano; pero, á vista da falta de accións nos últimos meses e da inexistencia dun proxecto de orzamentos para 2026, non podemos ser optimistas”, subliñan. Entre os gastos máis inmediatos que terá que cubrir o Concello figura a suba dos salarios, tanto dos traballadores como dos membros do goberno, así como a regularización pendente das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).