O PP de Lourenzá aposta por recuperar o mosteiro de San Salvador para usos culturais e sociais

AMariñaXa
O PP de Lourenzá aposta por recuperar o mosteiro de San Salvador tamén para usos culturais e sociais con iniciativas públicas e privadas
PP Lourenza con Rueda
23 May 2023

Os populares de Lourenzá, preocupados pola rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico do municipio, trasladaron a súa proposta para rehabilitar o mosteiro de San Salvador ao responsable do departamento de Cultura do Goberno galego, Román Rodríguez, que se comprometeu a facer un estudo sobre a viabilidade que suporía levar a cabo actuacións no inmoble.

O candidato do PP á Alcaldía, Roberto Díaz, defende “propostas en beneficio de Lourenzá e os laurentinos”; pero sempre dende “o sentidiño”. Polo tanto, sinala que “a nosa proposta recolle a recuperación por fases que permita aproveitar este emblemático espazo para diversos usos -culturais, sociais, etc.-, a través de iniciativa tanto pública coma privada. E sempre dende o diálogo e o consenso coas partes implicadas”, expón.

Un exemplo concreto, segundo propoñen os populares, é o de “dedicar unha parte -debidamente habilitada- a residencia de maiores” e así llo trasladaron á conselleira de Política social, Fabiola García.

Este e outros aspectos que recolle o programa electoral do PP de Lourenzá foron presentados a Alfonso Rueda, que trasladou o apoio do PPdeG ao candidato e ao seu equipo.

PATRIMONIO HISTÓRICO

O Partido Popular de Lourenzá defende a rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico co que conta o municipio “porque é parte da nosa identidade e, ao mesmo tempo, o seu aproveitamento contribúe a dinamizar o noso territorio”.

0.16544699668884