O PP de Lourenzá aposta polo desenvolvemento empresarial vinculado aos recursos naturais do municipio
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Lourenzá, Roberto Díaz, aposta polo desenvolvemento do tecido empresarial no municipio vinculado aos recursos naturais propios do territorio. Así o explicou coincidindo cunha visita do responsable de Medio Rural, José González, ao municipio sumándose a algunha das reunións que están a manter os populares co tecido produtivo laurentino para coñecer máis de preto as súas necesidades e telas en conta á hora de desenvolver o proxecto do Partido Popular para Lourenzá.
O PP de Lourenzá considera imprescindible apoiar o asentamento de empresas para xerar emprego e recuperar actividade no municipio. Nese sentido, interesáronse por coñecer o proxecto de Santos Cocinas que prevé poñer en marcha no próximo ano unha fábrica de mobiliario de cociña en madeira nunhas instalacións “novas, ben comunicadas, pola súa proximidade á autovía A-8, e con posibilidade de ampliación”.
Os populares explican, a este respecto, que “a Xunta está a traballar no fomento do uso e manexo da madeira no sector da construción e, recentemente, presentaba unha plataforma web, elaborada entre a Axencia Galega da Industria Forestal e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia”, con este cometido.
PRODUTOS DE CALIDADE DENDE O RURAL LAURENTINO
O alcaldable tamén destacou a calidade dos produtos do sector primario en Lourenzá ao que se compromete a “escoitar e atender” porque “o PP é consciente de que o agrogandeiro e o forestal son os principais sectores económicos do municipio”.
Os populares puideron coñecer todo o proceso de produción da faba, dende o cultivo á comercialización, da man dun produtor amparado pola IXP Faba de Lourenzá, un dos selos de calidade alimentarios galegos cos que a Xunta colabora de distintas formas: axudas dirixidas á nova participación de agricultores e gandeiros en réximes de calidade, axudas dirixidas aos consellos reguladores para o desenvolvemento dos programas de calidade ou para o desenvolvemento de plans de promoción. De feito, o conselleiro incidiu recentemente na importancia de abrirse a novos mercados nun encontro con representantes dos distintos consellos reguladores agroalimentarios de Galicia.
Igualmente, visitaron unha explotación leiteira para escoitar de primeira man a situación do sector. Nese sentido, abordaron a relación entre o prezo do leite e os custos de produción; ademais de falar do tratamento das dexeccións gandeiras e sobre distintas iniciativas e axudas impulsadas pola Consellería.