O PP de Lourenzá alerta sobre a "preocupante" situación económica do Concello

AMariñaXa
Segundo o informe da secretaria interventora, "o Concello atópase na tesitura de ter que adoptar medidas para a redución e contención do gasto corrente"
concello-de-lourenza
11 Apr 2025

Os concelleiros do Partido Popular de Lourenzá insistiron na "delicada" situación económica pola que atravesa o Concello, unha problemática que tamén foi advertida pola secretaria interventora municipal nun informe no que "recomenda a suba de taxas e impostos para paliar o déficit que presentan as arcas municipais".

Os concelleiros populares explicaron que, segundo o informe da secretaria interventora, un dos resultados máis relevantes fai referencia á liquidación do orzamento do ano 2024, que sinala que "o Concello atópase na tesitura de ter que adoptar medidas para a redución e contención do gasto corrente que non sexa imprescindible para o mantemento dos servizos básicos municipais, ou ben ao incremento dos ingresos correntes de libre disposición, posto que, como se poñen de manifesto, estes ingresos correntes chegan a duras penas para facer fronte aos gastos correntes".

"Vemos con moita preocupación" esta situación, sinalan os concelleiros populares, e alertan de que "para evitar ter que repercutir subas impositivas aos veciños de Lourenzá, o equipo de goberno debe evitar gastos innecesarios e comezar a seguir as recomendacións de control do gasto aconselladas pola secretaria interventora".

No informe tamén se recollen varias irregularidades realizadas polo equipo de goberno, especialmente nas tramitacións de contratos menores. "Dentro das observacións realizadas, as máis relevantes refírense a determinados servizos prestados e subministracións realizados que superan o ano previsto para a contratación menor, aos contratos menores que non se tramitaron conforme á normativa e ao exercicio de competencias impropias", advirte a secretaria interventora.

Ademais, o informe tamén insta ao equipo de goberno local a contratar ao persoal necesario para poder realizar todas as funcións propias do Concello. A falta de traballadores está impedindo que algúns servizos se realicen de forma adecuada: "O órgano de control non dispón dos medios mínimos necesarios para desenvolver un modelo de control eficaz... pola falta de contratación de persoal para cubrir as vacantes existentes", sinala o informe.

⚙ Configurar cookies
0.1750750541687