O PP de Lourenzá alerta da “mala xestión” do punto limpo municipal

O Partido Popular de Lourenzá criticou esta semana a “mala xestión continuada” do punto limpo municipal por parte do goberno local socialista, que está a provocar unha situación de abandono e descontrol que afecta tanto ao medio ambiente como ao peto dos veciños e veciñas.
Segundo os concelleiros populares, nos últimos meses non se realizan os servizos de recollida de forma regular, acumulándose lixo e materiais fóra do recinto. Ademais, denunciaron que se producen queimas incontroladas de plásticos, madeiras e outros residuos, o que supón un grave risco sanitario pola liberación de produtos químicos perigosos.
O PP tamén criticou que non se respectan os horarios establecidos, que o punto limpo carece de vixilancia adecuada e que a alarma leva anos sen funcionar, facilitando a entrada de persoas alleas ás instalacións. Como consecuencia desta situación, o Concello de Lourenzá acaba de pagar unha multa de máis de 5.000 euros pola súa mala xestión, sanción que, segundo a formación, sae “directamente do peto de todos os laurentinos”. A isto súmanse recibos do lixo cada vez máis elevados, unha “dobre penalización” para os veciños.
Os populares alertan de que se non se corrixe a xestión, seguirán chegando novas sancións que todos os laurentinos terán que asumir, e recordan que eses cartos deberían destinarse a mellorar estradas, pistas forestais, alumeado público e servizos sociais, entre outras necesidades reais do municipio. Desde o PP exixen “unha actuación urxente e unha xestión responsable do punto limpo”, en beneficio do medio ambiente e da cidadanía.