O PP de Lourenzá acusa ao PSOE de gobernar "só para subir impostos aos veciños e veciñas”

O PP de Lourenzá advirte que “o goberno local do PSOE non presentou ningunha iniciativa dende que se iniciou este mandato”. É máis, os concelleiros cren que “o PSOE goberna unicamente para subir impostos aos veciños e veciñas”.
Os populares explican que “en 10 anos que levan gobernando o Concello os socialistas convertérono nunha freidora de impostos” toda vez que teñen aplicado “unha subida masiva do IBI de urbana e rústica”. Nese sentido, aseguran que “o incremento do gasto medio proporcional por veciño é de máis de 250 euros”.
E, mentres quita diñeiro dos petos aos laurentinos e continúa sen pagar os atrasos pendentes ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o goberno de Rocío López incrementa o salario ao tenente de alcaldesa socialista.