O PP de Lourenzá acusa ao goberno local de usar o Plan Camiña Rural con fins particulares

Os concelleiros do Partido Popular de Lourenzá fixeron pública a súa preocupación pola aplicación que o executivo municipal está a realizar do Plan Camiña Rural 2025/2026. Segundo sinalan, a obra incluída na programación non atende ás prioridades reais do municipio e responde, ao seu xuízo, a intereses particulares vinculados a membros do propio goberno.
Desde o grupo popular explican que a intervención prevista afecta a unha antiga pista forestal situada na zona de Sopena-Villapol, unha vía que —aseguran— unicamente dá acceso a dúas vivendas. Ademais, subliñan que o trazado da mellora comeza nas inmediacións dunha propiedade do tenente de alcalde e conclúe preto da residencia habitual da alcaldesa.
Os edís populares indican que se trata dun camiño rodeado maioritariamente de monte e parcelas privadas sen actividade produtiva, no que non existen explotacións agro-gandeiras en funcionamento. Por iso, consideran cuestionable que se destinen fondos públicos a esta actuación mentres noutras parroquias existen pistas en peor estado que si prestan servizo a granxas e explotacións que precisan melloras urxentes para manter a súa actividade.
“O Plan Camiña Rural debe ser unha ferramenta para fortalecer o tecido produtivo do rural e apoiar ás explotacións que xeran emprego e riqueza”, apuntan desde o PP local. Ao seu entender, os investimentos deberían priorizar aquelas infraestruturas que favorezan o desenvolvemento económico e melloren as condicións de traballo do sector primario.
Os populares reclaman que a planificación das actuacións se basee en criterios técnicos e obxectivos, afastados de calquera sospeita de trato de favor. “Pedimos transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos municipais, porque deben empregarse en beneficio de todo o concello e non dun número reducido de persoas”, conclúen.