O PP de Foz tras a decisión do BNG: "Era unha cousa que ía pasar nun momento ou outro"
O BNG de Foz, que compartía mandato co PSOE, comunicou a súa decisión de abandonar o goberno municipal. Javier Castiñeira, portavoz do PP de Foz, reaccionou ante isto: "Sen ningún tipo de sorpresa porque xa levamos tempo dicindo que non hai un goberno sólido, non hai un traballo en equipo, non hai relación ningunha e que loxicamente isto ía a peor. Era unha cousa que ía pasar nun momento ou noutro".
Engade que este movemento "xa non é só desta lexislatura, xa que na pasada tampouco se funcionou como equipo". Lembra que a "Cajoto xa lle dimitiron varios compañeiros do seu equipo de goberno na anterior lexislatura, en concreto, tres concelleiros".
Castiñeira considera que o BNG "aguantou demasiado e foi moi sumiso, ata que xa non aguantou". Esta situación, considera que é perxudicial para Foz ao significar "unha parálise evidente" e que "lamentablemente difícilmente se vai a correxir". Expón para finalizar: "Se non o facían con 10 concelleiros, imaxinade con seis, en minoría. Lamentablemente a política está lastrando un pobo cun potencial enorme".