O PP de Foz reclama un paso de peóns na rúa dos Limoeiros por motivos de seguridade

Foz
AMariñaXa
Javier Castiñeira cualifica a demanda de urxente ante o risco para os viandantes no núcleo urbano
rúa-Limoeiros-Foz
10 Apr 2026

O Partido Popular de Foz, a través do seu portavoz, Javier Castiñeira, vén de trasladar ao goberno local un rogo que considera “urxente” para mellorar a seguridade dos peóns no núcleo urbano da vila, en concreto no inicio da rúa dos Limoeiros.

Castiñeira explicou que esta petición responde á preocupación existente entre a veciñanza da zona, onde xa se produciron situacións de risco. “Sabemos da insistencia dos veciños e mesmo estivo preto de haber algún tipo de atropelo”, advertiu.

O portavoz popular sinalou que a problemática se localiza no inicio da rúa dos Limoeiros, ao baixar pola rúa do Porto cara á dereita, un punto no que actualmente non existe paso de peóns. “Entendemos que é totalmente necesario un paso de peóns nese lugar”, afirmou.

Segundo indicou, os cambios de tráfico e mobilidade impulsados polo goberno local incrementaron o tránsito de vehículos nesta vía, o que agrava o risco para os viandantes. “Agora circulan moitos vehículos por esta rúa e as persoas cruzan sen un paso de cebra”, sinalou.

Desde o PP critican a falta de actuación por parte do alcalde a pesar das advertencias previas. “Sabemos que foi avisado varias veces, pero parece que só actúa cando pasan as cousas”, lamentou.

Finalmente, Castiñeira insistiu en que esta demanda responde ao compromiso do seu grupo coa seguridade cidadá e pediu ao goberno local que actúe canto antes. Ademais, dirixiuse á concelleira cunha mensaxe directa: “Señora Couto, dedíquese máis ás contas e menos aos contos”.

0.12629389762878