O PP de Foz reclama explicacións polo atraso na apertura do vial das Torres

Foz
AMariñaXa
Os populares acusan ao alcalde de falta de xestión e lamentan que a obra, iniciada en marzo, siga pechada ao tráfico máis de tres meses despois de rematado o asfaltado
FOZ-vial-As-Torres-paron-obras-outubro-2025
7 Oct 2025

O Partido Popular de Foz volve reclamar ao alcalde aclaracións sobre os motivos polos que a obra do viario da zona das Torres continúa sen rematar nin abrirse ao tráfico. Trátase, segundo lembran, dunha intervención sinxela, cun orzamento próximo aos 70.000 euros, que se iniciou no mes de marzo e contaba cun prazo de execución curto, pero que leva practicamente paralizada desde comezos do verán.

Desde o grupo popular denuncian que o Concello non ofreceu ata o momento explicacións claras sobre o motivo do atraso, a pesar das reiteradas peticións formuladas nos últimos meses. “Xa reclamamos hai tempo a reapertura inmediata ao tráfico, tal e como prometera o alcalde, quen asegurara que se faría de maneira inmediata unha vez finalizado o asfaltado. Con todo, pasaron máis de tres meses e a situación segue igual”, apuntan.

O voceiro popular, Javier Castiñeira, cualificou o ocorrido de “insulto á intelixencia dos veciños de Foz”, xa que moitos deles se ven obrigados a dar rodeos de máis dun quilómetro pola estrada da praia de Llas e o cámping para poder acceder aos seus garaxes. “É un claro prexuízo e unha situación incomprensible, que amosa a desidia e a falta de control do goberno local”, engadiu.

Os populares esixen ao alcalde que aclare cal é o problema real: “Se existen conflitos coa empresa adxudicataria, se a obra está ou non pagada, ou se simplemente hai unha falta de xestión e seguimento”, sinalan.

Castiñeira lembra ademais que o caso do viario das Torres non é illado. “Esta parálise repítese noutras actuacións municipais, como a da rúa Irmandiños, que acumula xa máis de dous anos de atraso. É unha mostra evidente da falta de planificación e eficacia dun goberno que non é capaz de dar resposta ás necesidades básicas da veciñanza”, subliñou.

O PP de Foz insta ao executivo local a resolver canto antes esta situación, abrir o tráfico e devolver a normalidade a unha zona que leva meses afectada por unha obra “que debería estar rematada hai tempo”.

⚙ Configurar cookies
0.087934017181396