O PP de Foz propón que a Deputación colabore para activar as exposicións do Cenima
O PP de Foz propón que a Deputación colabore para activar as salas de exposición do Cenima, así os concelleiros populares defenderán unha moción no Pleno para dar máis uso a este centro.
"A falta de xestión e a incapacidade para atender os asuntos municipais con orde e eficiencia é a marca do goberno local de Foz", din os populares, "unha boa mostra da veracidade desas afirmacións é que o alcalde é incapaz de convocar as sesións plenarias seguindo o réxime establecido no pleno de organización da corporación", así o explica o concelleiro popular Juan Rivas, que engade que “o equipo de goberno máis caro da historia de Foz traslada os plenos ordinarios do último xoves do mes ao primeiro xoves dos mes seguinte; é algo incomprensible, porque está fixado no pleno de organización do principio da lexislatura que serían os últimos xoves de cada mes. Son dez concelleiros e non entendemos esa falta de organización, xestión e planificación que leva a retrasar os plenos un mes detrás doutro”. Os populares piden “ao equipo de goberno orde e que respecte o mandato da corporación no seu pleno de organización”.
Rivas anuncia a presentación polo seu grupo de dúas iniciativas na sesión plenaria do xoves “o PP defenderá dúas mocións que cremos son importantes e interesantes. Unha é para tratar de poñer en valor as salas de exposición do Cenima, que pasan moito tempo baleiras. O equipo de Cultura está moi xusto de persoal. Precísase unha persoa para o Cenima, que coordine ás exposicións, que faga de comisario, como houbo sempre e que financiou a Deputación de Lugo no seu momento”. Este, di Rivas, “é un servizo que non é só municipal; nesta sala expoñen moitísimo artistas de A Mariña, que para iso é o centro de interpretación de A Mariña”. Os populares din que se podería establecer “un convenio coa Deputación de Lugo, para que esta institución puidera expoñer aí as súas mostras itinerantes”. Piden a reparación da fachada, que está totalmente descoidada, chea de humidades. Rivas lembra que o PP xa llo dixo “ao alcalde hai máis dun ano, pero non fixo nada”.
O mesmo concelleiro popular explica “a outra moción é en apoio do sector primario, que é fundamental no concello de Foz. O 40% da poboación do concello vive no rural e a economía do rural é moi prexudicada pola xestión do Goberno central, que está a subir os custos de produción, tanto da gandería, como na pesca e no forestal, mentres que os produtos non suben o seu valor”.
Rivas destaca que “o PP sigue facendo unha oposición construtiva no Concello de Foz, mentres o goberno máis caro da historia ten moito que mellorar”.