O PP de Foz pon en valor a nova depuradora como exemplo de boa xestión municipal

O Partido Popular de Foz acompañou este xoves á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático na visita ás obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) que a Xunta de Galicia está a construír no municipio. Trátase dunha infraestrutura que, segundo o portavoz popular Javier Castiñeira, “é fundamental para garantir un servizo de saneamento moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente, pensado para o presente e o futuro de Foz”.
Castiñeira destacou que a posta en marcha desta obra “é o mellor exemplo de boa xestión municipal, xunto co PXOM, e un proxecto polo que levamos traballando dende o primeiro día no goberno local”. Lembrou que a nova depuradora “era unha demanda unánime da veciñanza e dos colectivos locais, que levaban anos reclamando unha solución ante o deficiente funcionamento da antiga instalación”.
O portavoz popular fixo memoria dos pasos dados durante o seu mandato como alcalde: “En 2016 asinamos o convenio de financiamento coa Xunta de Galicia, logo de chegar a un acordo coa agrupación independente Foz Plataforma de Futuro sobre a ubicación definitiva da infraestrutura, situada no mesmo lugar onde hoxe se executan as obras”.
Castiñeira salientou que o Partido Popular de Foz mantivo o seu compromiso coa depuradora tanto no goberno como na oposición, logrando que a obra fose unha realidade sen supoñer ningún custo para os veciños. “Foz vai dispoñer dunha EDAR moderna, eficaz e sostible, financiada integramente pola Xunta, e iso é un éxito rotundo da xestión e da colaboración institucional”, afirmou.
O líder popular mostrouse confiado en que os traballos poidan rematar nos próximos meses e que a nova infraestrutura entre en funcionamento “canto antes, mellor”, contribuíndo a mellorar o saneamento e a calidade ambiental do municipio mariñán.
Por último, Castiñeira agradeceu á Xunta de Galicia o seu compromiso absoluto con Foz, lembrando que a actuación supón un investimento superior aos 12 millóns de euros e que “é unha mostra clara de que cando se traballa con planificación e responsabilidade, os proxectos saen adiante en beneficio de todos”.