O PP de Foz pide que reinicien a contratación da residencia de maiores

Foz
AMariñaXa
Castiñeira lembrou que o BNG, xunto co PP, votou a favor de que a residencia de maiores fose municipal
residencia foz
7 Out 2024

O Partido Popular de Foz instou ao BNG a que esixa aos seus socios de Goberno do PSOE que reinicien o proceso de contratación da Residencia de Maiores. O voceiro popular, Javier Castiñeira, declarou que “é hora de que, ante as comedias de Cajoto, o goberno de socialistas e nacionalistas traballe de forma seria e rigorosa sobre o novo contrato da residencia”. Castiñeira criticou a falta de acción do BNG, cuestionando se realmente desexa seguir no goberno ou se prefire pasar a un papel de oposición.

“Nos últimos cinco anos, nin é unha cousa nin é outra”, afirmou, subliñando que o BNG debe decidir se quere esixir ao alcalde, o señor Cajoto, que comece a xestionar adecuadamente a residencia, ou se, por outro lado, vai tomar decisións sobre a súa posición no goberno. O voceiro do PP asegurou que a súa formación estará sempre aberta ao diálogo para avanzar en temas relacionados coa residencia, pero manifestou a súa oposición a “comédias e teatro” por parte do alcalde ante as institucións.

“Unha das nosas prioridades é que a residencia siga sendo municipal”, declarou Castiñeira. Ademais, apuntou que “non se pode consentir que Cajoto siga desviando a atención da crise da residencia que el mesmo provocou”, instando ao BNG a actuar de forma decisiva. Castiñeira lembrou que o BNG, xunto co PP, votou a favor de que a residencia de maiores fose municipal, e advertiu que a súa devolución á Xunta de Galicia significaría a perda da prioridade que teñen os veciños de Foz para acceder á mesma.

0.1943690776825