O PP de Foz pide que non se suspenda o mercado do 15 de xullo e propón trasladalo a Malates

O Partido Popular de Foz solicita ao alcalde, Fran Cajoto, que reconsidere a súa decisión de cancelar o mercado semanal previsto para o martes 15 de xullo, coincidindo coas vésperas da festividade do Carme. Desde o grupo municipal propoñen como alternativa celebrar o mercado na zona do Camiño Vello, en Malates, unha localización xa empregada noutras ocasións con éxito.
A formación popular asegura que esta petición chega tras recoller a preocupación de numerosos veciños, usuarios habituais do mercado e vendedores ambulantes. Estes últimos, segundo apuntan, expresaron o seu malestar pola cancelación inesperada e pola ausencia de alternativas por parte do goberno local.
Desde o PP consideran incomprensible que a suspensión se tomara “sen consensuar cos principais afectados”. Sinalan que se trata de profesionais que veñen traballando durante todo o ano en condicións complicadas e que agora se ven privados dunha xornada de actividade en pleno verán, “unha época clave para a súa economía”.
Como proposta, insisten en recuperar a fórmula xa utilizada do traslado do mercado ao Camiño Vello, en Malates. Defenden que se trata dunha rúa onde se pode cortar o tráfico durante a mañá sen afectar o acceso ao porto, “perfectamente garantido”. Engaden que “a Policía Local xa está afeita a organizar o tráfico nesta zona e os propios vendedores ambulantes son quen de autoorganizarse”.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, insiste en que aínda se está a tempo de rectificar a decisión: “Non entendemos como se pode suspender un mercado sen dar alternativas e sen falar coa xente. Estamos a falar de moitos postos que viven disto e que levan meses agardando o verán para recuperarse dun inverno longo. O alcalde aínda está a tempo de rectificar e permitir que o mercado se celebre, por exemplo, no Camiño Vello, como se fixo outras veces con éxito”.
Desde o Partido Popular de Foz piden ao rexedor que actúe con responsabilidade e que priorice os intereses da veciñanza e do tecido comercial local. “Non se pode gobernar de costas á xente”, conclúe Castiñeira.