O PP de Foz lamenta "unha falta de empatía co persoal” tras a posibilidade de instalar máquinas de fichaxe no Concello
O Partido Popular de Foz pídelle ao alcalde, Fran Cajoto, máis cercanía e confianza cos compañeiros. Así, o fai tras ter coñecemento da intención do equipo de Goberno de instalar as máquinas de fichaxe para controlar o horario que fan os empregados municipais. “Nós non nos vamos a opoñer a que o equipo de goberno, do PSOE e BNG, implante as máquinas de fichaxe para os traballadores municipais pero si que é verdade que notamos unha falta de empatía co persoal”.
Entenden así que o equipo de goberno “prefire o control e o manexo, desde a tecnoloxía, das persoas traballadoras do Concello”, sinala o voceiro popular, Javier Jorge Castiñeira. Eles optan polo trato persoal. “Un trato persoal que falta a día de hoxe, unha empatía que é practicamente nula, especialmente por parte do alcalde”, continúa Jorge Castiñeira.
Esta falta de empatía, aseguran, está a levar a serios problemas no Concello onde hai departamentos, que son fundamentais para a xestión diaria, que ou ben se está traballando con substitutos ou con persoal das bolsas de emprego ou ben hai postos que levan tempo sen cubrirse, como é o caso da propia secretaría municipal. O voceiro do PP de Foz pídelle “máis esforzo ao señor alcalde e aos membros do equipo de goberno porque o trato persoal e, neste caso, a relación cos traballadores é fundamental para que haxa un bo servizo”.