O PP de Foz insta a reparar os desperfectos no talude do campo de fútbol de Malates
O PP de Foz insta ao alcalde a reparar os desperfectos das recentes obras levadas a cabo no talude do entorno do campo de fútbol de Malates, xa que "a calidade das obras reflicte ben a calidade dos gobernantes que as deciden. No caso de Foz, unha e outra vez queda de manifesto que as obras non son un exemplo de esmero na vixilancia da súa execución", así o sinala a concelleira popular Verónica Soto, que demanda do goberno local que faga corrixir as deficiencias detectadas nas obras no entorno do campo de fútbol de Malates.
Soto sinala “unha vez máis temos que denunciar as chapuzas do señor Cajoto. Neste caso as obras que se fixeron na área de Deportes, que goberna o BNG, concretamente na zona de Malates. Fixéronse varias obras a cargo da Deputación de Lugo, unha delas para colocar unha malla antivexetación no talude e aos poucos días xa está totalmente descolocada”.
A mesma concelleira asegura que “dá unha imaxe moi mala, de que as obras nin se fan correctamente nin son debidamente vixiadas polo equipo de goberno. O peor de todo é que se gastan cartos e non son eficaces”. Os populares, á vista da situación, piden “ao equipo de goberno que canto antes adopte as medidas necesarias para arranxar as deficiencias”.
Verónica Soto di “esta serie de obras tampouco convence especialmente á comunidade de usuarios do campo de fútbol de Malates, que se queixou, e así o trasladamos nun pleno. O equipo de goberno quería semillar nun dos laterais céspede, que probablemente necesitará mantemento e acabará descoidado, e despois podería semillar parte do campo artificial”.
Os populares apuntan que “aínda que os cartos sexan doutra institución, solicitamos ao alcalde que os administre ben, que non faga chapuzas e que canto antes repare os desperfectos que hai e que non debería haber”.