O PP de Foz insta a publicar o novo rueiro e a establecer unha oficina municipal para axudar aos veciños

Foz
AMariñaXa
O PP de Foz insta ao alcalde, Fran Cajoto, a publicar o novo rueiro e a establecer unha oficina municipal para axudar aos veciños
9 Maio 2023

O PP de Foz insta ao alcalde, Fran Cajoto, a publicar o novo rueiro e a establecer unha oficina municipal para axudar aos veciños a cambiar a dirección nos documentos que se verán afectados pola nova numeración dos edificios.

O portavoz e candidato popular á alcaldía, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, Cajoto tira a pedra e esconde a man. Non esperabamos outra cousa do señor Cajoto. As súas palabras confirman o que di o PP: o proxecto do novo rueiro cambia practicamente a totalidade da numeración das vivendas das parroquias e unha gran parte tamén das do casco urbano”.

O portavoz popular lamenta que Cajoto “volva facer o mesmo, volva a esconderse e botar a culpa aos demais”. Engade; “O rueiro non estaba mal para a xente, non se cambiou na época do goberno socialista nin no tempo do goberno do PP, e agora Cajoto quere cambialo e provocar molestias aos veciños, que van ter que cambiar cantidade de documentos; o alcalde ten que dar explicacións, respostas, asumir a responsabilidade e ten que ofrecer solucións aos veciños”.

Castiñeira insta a Cajoto “a poñer un servizo municipal para axudar á xente para cambiar os documentos”. Cre que o rueiro “hai que expoñelo ao público e buscar a opinión dos veciños e non como fai sempre: botar a culpa ao PP e ás asociacións”.

Os populares consideran que o socialista Fran Cajoto “ten que dar a cara e non deixar o asuntos para despois das eleccións, porque os veciños non son tontos e deben saber en que lles afectan as súas propostas”. No PP insisten en que “o cambio da numeración das vivendas afecta practicamente a totalidade dos veciños de Foz, o que trae moitos problemas”.

0.19007205963135