O PP de Foz esixe ao alcalde axilidade na licitación da renovación do céspede de Malates

O Partido Popular de Foz reclamou ao alcalde unha maior dilixencia na licitación das obras de remodelación do céspede artificial do campo de fútbol de Malates, unha infraestrutura deportiva que, segundo denuncian, presenta un avanzado estado de deterioro e provoca constantes protestas por parte dos usuarios.
O voceiro municipal do PP, Javier Castiñeira, lembrou que a renovación do terreo de xogo foi unha das condicións incluídas no acordo alcanzado co goberno local para permitir o desbloqueo do contrato da auga. “Esta actuación non xurdiu de maneira espontánea, senón que foi froito dun pacto claro co alcalde. Os acordos están para cumprirse”, subliñou.
Castiñeira explicou que o seu grupo insistiu en varias ocasións, tanto en sesións plenarias como a través doutras iniciativas, na necesidade de substituír o céspede de Malates, debido ao desgaste acumulado tras anos de uso intensivo. Finalmente, engadiu, o compromiso quedou recollido dentro do acordo político acadado entre ambas partes.
Porén, o portavoz popular criticou a falta de información por parte do goberno municipal respecto ao avance deste proxecto. “Naquel momento quedáramos en que o Partido Popular estaría informado puntualmente de todo o proceso, pero a día de hoxe non sabemos nada concreto, máis alá de que a Deputación de Lugo vai financiar unha parte do investimento”, afirmou.
Desde o PP alertan tamén dos problemas de seguridade que presenta actualmente o campo de fútbol. Segundo Castiñeira, existen furados e zonas en mal estado que supoñen un risco real para a integridade física dos deportistas. “As queixas son numerosas e reiteradas, e hai zonas do terreo de xogo que poden provocar lesións graves. Por iso é urxente acelerar a licitación e que a obra poida executarse canto antes”, insistiu.
Críticas á xestión do contrato da auga
En relación co contrato da auga, o voceiro municipal popular pediu prudencia ao alcalde e criticou a súa actitude, que cualificou de triunfalista. Castiñeira considerou contraditorio que agora o rexedor presuma deste contrato cando, segundo lembrou, “cando estaba na oposición o PSOE defendía a remunicipalización do servizo”.
Ademais, sinalou que tampouco se cumpriron algunhas das condicións iniciais que defendía o Partido Popular, como a baixada das taxas. O portavoz puxo tamén en dúbida que a adxudicación realizada sexa a opción máis beneficiosa para o Concello. “Non gañou o concurso a empresa que máis obra ofertaba, senón a cuarta segundo este criterio, o que xa esperta certas dúbidas”, indicou.
Castiñeira engadiu que existe unha alegación presentada por unha das empresas participantes ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL), un asunto sobre o que, segundo denuncia, tampouco recibiron información clara por parte do goberno local.
Para rematar, o PP de Foz reclamou ao alcalde que cumpra os compromisos adquiridos. “O que pedimos é responsabilidade e respecto polos pactos asinados. Dentro dese acordo estaba arranxar canto antes o campo de fútbol de Malates, e queremos que a licitación se realice nesta primavera para que as obras se executen no verán e a próxima tempada poida comezar con instalacións renovadas e seguras”, concluíu.