O PP de Foz di que "operarios e maquinaria municipal estiveron traballando nunha urbanización privada"
O PP de Foz pedirá acceso á documentación dos traballos realizados por operarios e maquinaria municipal nunha urbanización privada. "Hai uns días que o PP tivo coñecemento de que o goberno local destinou persoal e maquinaria do Concello de Foz a realizar diversos traballos en terreos dunha urbanización privada do municipio, unha situación anómala sobre a que se realizaron varias preguntas no pleno, obtendo por resposta escusas que non nos cremos”, din os populares.
A concelleira popular, Verónica Soto, explica que “debido a que non nos fiamos da palabra do alcalde, pediremos toda a documentación relacionada con este asunto xa que todo o que nos dixeron semella desculpas para tapar algunha conveniencia dalgún membro do equipo de goberno”.
Verónica Soto lamenta “as escusas” dadas polo alcalde de Foz, “que non sabía moi ben como saír ao paso das preguntas que lle realizamos”. A realidade é que hai varias fotografías que acreditan que o persoal e maquinaria municipal estiveron traballando dentro dunha urbanización privada para, segundo o alcalde, “retirar uns bambáns desta urbanización para colocalos nun espazo público do municipio”.
“En primeiro lugar, non nos cremos a versión do goberno local. E, en segundo lugar, non nos parece o máis axeitado que o Concello de Foz coloque no municipio equipamentos xa usados”, denunciou.
Os traballos realizáronse nunha urbanización de Marzán, unha zona do municipio na que hai numerosas deficiencias a corrixir nos espazos públicos “como para dedicar recursos do concello a unha zona privada”.
Verónica Soto lamenta as respostas dada por Francisco Cajoto, xa que non soubo explicar o valor destes equipamentos nin se cumpre a normativa vixente para este tipo de elementos de xogo.