O PP de Foz di que a rampla da residencia non cumpre a normativa

Foz
AMariñaXa
O PP de Foz presentará na próxima sesión plenaria unha moción na que defenderá a elaboración dun plan municipal de accesibilidade.
rampa foz acceso maiores
26 Mar 2021

O PP de Foz, á vista das anomalías detectadas no cumprimento da normativa de accesibilidade en obras en execución, presentará na próxima sesión plenaria unha moción na que defenderá a elaboración dun plan municipal de accesibilidade.

O portavoz popular no Concello, Javier Castiñeira, denuncia que “a nova rampla que constrúe o Concello de Foz nas inmediacións da residencia da terceira idade non cumpre a orde VIV 561/2010 de accesibilidade para espazos públicos urbanizados”. Considera “que é un erro gravísimo, comprobado despois de examinar o proxecto que redactou un estudo externo  de arquitectura, contratado polo goberno municipal”. O custo da obra é de 37.000 euros.

Castiñeira di: “É un proxecto que na súa memoria apenas fala de accesibilidade e da xustificación de todas estas normas. Concretamente podemos apreciar que a rampla ten un ancho mínimo de 1,60 e está prevista unha pendente do 8%, algo que vai en contra do que dita esta orde de obrigado cumprimento, a VIV 561/2010, na que se desenvolve o regulamento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados”. Explica que “esta orde establece un ancho mínimo para itinerarios adaptados peonís de 1,80 metros e pendente menor ao 6%. Isto significa que esta rampla non cumpre a normativa publicada no BOE o 11 de marzo de 2010”.

O portavoz popular sinala: “Este incumprimento parécenos moi grave, porque inhabilita esta rampla e non entendemos que isto ocorra nunha obra de nova construción, da que o alcalde dicía que serviría para comunicar non só ao asilo, senón a un barrio enteiro. Non entendemos  por que non se adapta á totalidade da normativa”.

Castiñeira anuncia: “Por esta circunstancias e outras anormalidades que estamos vendo en obras novas que se están a facer en diferentes beirarrúas, entendemos que o goberno debe deseñar un plan de accesibilidade. Levaremos ao pleno unha moción nese sentido. É necesario reformar de inmediato todas estas obras que se están a executar, como é a nova rampla, que non se adaptan a esta orde, a VIV 561/2010; non poden poñerse en servizo sen cumprir a totalidade da normativa de accesibilidade”.

0.083842039108276