O PP de Foz di non a o bipartito local polo "desacordo e a desconfianza entre eles"
O PP de Foz di non a un "bipartito local marcado pola desconfianza entre PSOE e BNG, máis caro que o anterior e deseñado en función de intereses partidistas".
Celebrouse no Concello de Foz o pleno de organización e o grupo municipal do PP xa anuncia o seu voto en contra, porque entende que a reedición do bipartito PSOE-BNG non responde aos intereses do municipio.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia: “O grupo municipal do PP votará non a unha nova reedición do bipartito no goberno de Foz, por varias razóns. Por un lado, porque son eles mesmos, os membros dese novo bipartito que se propón neste pleno de organización, os primeiros que desconfían uns dos outros. Así o puidemos vivir nestas últimas semanas, que son as primeiras da lexislatura e nas que o que vimos é que existe un total desacordo e unha absoluta desconfianza entre o Bloque Nacionalista e o Partido Socialista, en definitiva, entre o alcalde de Foz e o que pretende nomear como tenente de alcalde”.
Castiñeira explica: “O PP xa percibiu na pasada lexislatura numerosos desencontros nos que nada tiñan que ver o pensamento e as decisións do Partido Socialista coas do seus socios no goberno (BNG). Outra das razóns é que estamos en absoluto desacordo no incremento do custo do equipo de goberno. Xa batiamos récords no mandato pasado, con 10 concelleiros e varias dedicacións, e agora o que se pretende e duplicalas. O Concello de Foz ten outras prioridades; a principal non é subir o custo do goberno”.
Os populares consideran que as tres dedicacións que propón o equipo de goberno duplicaranse cando se constitúa o goberno da Deputación de Lugo. Entendemos di Castiñeira- “que o alcalde terá unha asignación da Deputación”. Engade: “Non se deixa claro neste pleno de organización quen vai percibir as dedicacións; se o alcalde cede a súa, queremos sabelo de antemán”.
Para os populares, será “un goberno máis caro, con máis concelleiros e máis dedicacións, o que non asegura un mellor goberno; o que necesita Foz non son dedicacións exclusivas ou parciais senón máis dedicación para mellorar o pobo, o que non houbo durante os catro anos pasados”.
Castiñeira di: “Reeditar un bipartito que dende o principio mostra discrepancias e unha probada máis de que priman os intereses persoais e partidistas fronte aos intereses de todos os focenses. O PP fará unha oposición construtiva, propositiva; estaremos aí para o que necesite o equipo de goberno, pero poñendo sempre por diante os intereses do noso pobo”.