O PP de Foz denuncia retrasos na finalización das obras da rúa Jesús Nazareno

Foz
AMariñaXa
Piden ao Concello que esixa á empresa que poña fin aos traballos de asfaltado
obras-rua-jesus-nazareno-foz
8 Apr 2026

O Partido Popular de Foz denuncia os “paróns” dos traballos que se están a levar a cabo actualmente na rúa Jesús Nazarenos e critica a xestión das obras por parte do Concello.

O portavoz, Javier Castiñeira, pon de manifesto os “máis de 2 anos de atraso na obra das Casas Baratas” e agora, di, “todo parece que isto se vai repetir en obras coma a da rúa Jesus Nazareno”. Segundo o popular, as obras están a piques de rematar e só quedan pendentes os traballos de asfaltado. Porén, di, “non se aglomera e non sabemos os motivos”, e insiste en que a empresa “ten obriga de asfaltar e rematar esta obra cando antes, despois de ampliar xa nunha ocasión o prazo de entrega”.

Castiñeira explica que “hai xente maior que está sufrindo as obras máis tempo do que deberían nunha rúa con bastante tráfico e importante para a mobilidade en Foz que xa é complexa de por si”, sinalando directamente ao Concello por ter cambiado os sentidos de gran parte das rúas da localidade.

Os populares instan ao Concello a esixir á empresa a rematar a obra canto antes e que acusan a Goberno municipal de ser permisivo coas empresas contratistas que, segundo Castiñeira, “parece que son as que marcan os tempos das obras no Concello de Foz”.

0.1164710521698