O PP de Foz denuncia o caos no tráfico urbano por falta de programación das obras

Foz
AMariñaXa
O PP denuncia que a falta de programación das obras nas rúas por parte do goberno de Foz xera o caos no tráfico urbano
27 May 2022

O PP denuncia que a falta de programación das obras nas rúas por parte do goberno de Foz xera o caos no tráfico urbano. "É necesario mellorar as rúas e servizos, pero hai que facelo de maneira que as obras causen o menor número de molestias posible aos cidadáns", di o portavoz do PP en Foz, Javier Castiñeira, que sinala que “unha vez máis temos que denunciar a falta de xestión e a desorganización absoluta do equipo de goberno do Concello de Foz, do bipartito, que é o equipo de goberno máis amplo e máis caro da historia deste concello (10 concelleiros)”.

"O caro que sae o goberno municipal aos veciños de Foz non redunda nunha mellor xestión", engade Castiñeira, “o claro exemplo é o caos circulatorio, de tráfico, que estamos a vivir no centro urbano. Despois de anos sen facer nin unha obra, e telas todas retrasadas, co Plan Único de 2020 e 2021 sen completar, o equipo de goberno fainas todas ao mesmo tempo; que haxa obras é importante, pero hai que tratar de organizalas”.

O portavoz popular constata que “hai rúas troncais, accesos importantes á vila, que levan cortadas semanas e incluso varios meses; un dos casos é a Rúa de Costa do Castro, ou rúa do cemiterio, que é un acceso dende Marzán ao núcleo urbano, e coincide coas obras na Rúa Constitución e na Rúa do Porto, que é un dos accesos ao porto de Foz”. Engade: “Moi cerca está cortada a Rúa Limoeiros, que leva meses en obras, que chegou a estar parada e leva un ritmo moi baixo”.

Os populares destacan que a zona do porto está bastante afectada no tráfico. Castiñeira indica: “Se a iso unimos que se poñen a facer obras novamente no saneamento de Porto Chico, que volven reiterar aí as obras, e que temos cortado o Paseo da Ribeira, entramos nese caos circulatorio que denuncian os veciños”. Avisa de que “a punto de entrar o mes de xuño, cando empeza a haber turistas no noso concello, se coincide que está pechada ao tráfico, os martes, polo mercado, a praza Conde Fontao estaremos a ver un verdadeiro caos circulatorio”.

O PP insta ao equipo de goberno a que se organice e a que trate de programar a execución das obras “e non facelas todas ao mesmo tempo, porque se está prexudicando aos veciños do centro urbano e a todos aqueles que nos visitan”.

0.17008495330811