O PP de Foz denuncia o bloqueo do novo vial das Torres e pide explicacións ao alcalde

O Partido Popular de Foz volve cargar contra o goberno local pola paralización das obras do novo vial das Torres, que conecta a urbanización das Lagoas coa estrada que vén de Llas, na contorna do cámping. A formación denuncia que, malia terse asfaltado hai semanas, a infraestrutura segue sen estar operativa e continúa pechada ao tránsito, xerando numerosas molestias aos residentes da zona.
O voceiro do PP, Javier Castiñeira, lembra que o seu grupo xa alertara da situación anteriormente, e critica a resposta do alcalde: “Dixo que era unha denuncia oportunista e que en dous ou tres días estaría todo rematado. A realidade é que só se botou o asfalto e aí quedou todo parado. A veciñanza está farta desta deixadez”.
Castiñeira explica que os veciños afectados “teñen que facer percorridos absurdos para chegar aos seus garaxes por mor dunha reorganización do tráfico imposta sen diálogo nin información”. Segundo engade, “trátase de decisións unilaterais do señor Cajoto que prexudican gravemente o día a día das familias da zona”.
A intervención, cun orzamento de 68.000 euros, anunciárase como unha medida para mellorar a mobilidade e a accesibilidade entre as Lagoas e a estrada de Llas. Porén, segundo os populares, semanas despois do asfaltado, “o único que se fixo foi enviar a dúas persoas para colocar un par de sumidoiros. O resto está completamente parado e o camiño segue pechado. O alcalde está tomándolle o pelo á xente”, sentenza Castiñeira.
O PP pregúntase se detrás deste atraso se agochan problemas coa empresa contratada ou coa propia xestión do Concello, e esixe ao rexedor socialista que dea explicacións urxentes á cidadanía. “Non sabemos se hai cuestións administrativas ou políticas que están a frear a obra, pero o que está claro é que o tempo pasa e nada cambia”, afirman.
Os populares conclúen facendo un chamamento directo ao alcalde: “O que reclamamos é que se poña fin a este abandono, que se rematen os traballos de inmediato e que se poida abrir o vial canto antes. Estamos no verán, con moita xente residindo nas Lagoas, e é inadmisible que teñan que continuar soportando este despropósito. Señor Cajoto, esixímoslle que actúe dunha vez por todas”.