O PP de Foz denuncia máis de 1,3 millóns en facturas sen pagar e acusa ao goberno local de “falta absoluta de control”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz alertou da existencia de máis de 1.300.000 euros en pagos pendentes correspondentes aos exercicios 2023, 2024 e 2025. A formación cualifica a situación de “gravísima” e atribúe o problema á “nefasta planificación e falta de control” do executivo municipal.
Segundo explicou o voceiro popular, Javier Castiñeira, só no ano 2025 contabilízanse 926.000 euros en facturas emitidas sen partida orzamentaria, que ademais non teñen cabida nos presupostos prorrogados. “Non se nos facilitou ningún detalle máis alá do importe. É gasto realizado nun ano sen orzamento aprobado, polo que precisa do apoio da Corporación para validarse”, subliñou.
A esta cifra súmanse 360.000 euros de 2024 que continúan pendentes, así como as subvencións correspondentes aos anos 2023 e 2024 destinadas a clubs deportivos e asociacións locais, que permanecen sen abonarse. “É extremadamente grave que se paralice a actividade das entidades por incapacidade do goberno para cumprir cos seus compromisos”, lamentou Castiñeira.
Os datos fixéronse públicos na reunión mantida o pasado venres entre o PP, o equipo de goberno e o interventor municipal. Nela, confirmouse que o importe total supera xa o millón trescentos mil euros. O alcalde prevé levar ao próximo Pleno un suplemento de crédito para facer fronte ao pagamento, algo que os populares interpretan como “un intento de agochar a súa mala xestión, a súa negativa reiterada a presentar o orzamento de 2025 e a acumulación de centos de facturas con reparos de intervención”.
Castiñeira asegurou que o executivo “presume de contas saneadas mentres incumpre o período medio de pago e deixa ás empresas sen cobrar”. Ao seu xuízo, “cando un concello gasta máis do asignado e bloquea a vida das asociacións, o que corresponde é pedir desculpas e asumir responsabilidades”.
O grupo popular reiterou que non apoiará ningún suplemento de crédito que “mesture” facturas irregulares con subvencións ás entidades. “Non imos premiar a mala xestión. Nada se nos consultou cando se fixo o gasto, e agora preténdese que avalemos a suma completa a cambio de propostas de obras ou investimentos. Esa non é a nosa forma de traballar”, advertiron.
Porén, ofrecen unha saída inmediata: “Se o goberno presenta por separado as subvencións dos anos 2023 e 2024, apoiarémolas sen dubida. Son necesarias e levan meses bloqueadas”. O que non aceptarán, insisten, é “xuntalas con gastos feitos sen partida orzamentaria”.
Por iso instan ao executivo a elaborar dous suplementos de crédito diferenciados: un para subvencións e apoio ás asociacións, e outro para as facturas de 2024 e 2025, que superan os 1,2 millóns e sobre as cales existen “dúbidas e discrepancias”.
O voceiro popular foi especialmente crítico co alcalde e coa concelleira de Economía e Facenda: “Non imos tolerar chantaxes nin escenificacións políticas. Falan do orzamento de 2026 cando foron incapaces de presentar o de 2025, causando un grave prexuízo a clubs, asociacións e empresas que levan meses —e mesmo anos— sen cobrar”.
O PP lembra que está disposto a dialogar “polo ben do municipio”, pero sen renunciar ás súas funcións de fiscalización. “Esa responsabilidade non a imos deixar de lado, por moitas ofertas que o alcalde poña enriba da mesa”, afirman.
Castineira concluíu pedindo explicacións inmediatas: “A situación é de extrema gravidade e absoluta falta de transparencia. A veciñanza, as empresas e as entidades teñen dereito a saber a verdade: como se chegou aquí e por que se gastou o que non se podía gastar”.