O PP de Foz denuncia a perda da subvención para a Escola de Música

Foz
AMariñaXa
O PP esixe á concelleira Inés Couto que solucione de inmediato a perda da axuda á Xunta de Galicia, considerada vital para a continuidade da Escola de Música
Javier-Castineira-PP
10 Mar 2025

O Partido Popular de Foz denunciou hoxe a "absoluta neglixencia" da concelleira de Cultura, Inés Couto, que levou á perda dunha subvención fundamental para a Escola de Música Municipal. Segundo explicaron os populares, a edil non solicitou a axuda á Xunta de Galicia dentro do prazo establecido, o que impediu que a Escola recibira a tan necesaria financiamento. A propia concelleira recoñeceu o erro no último pleno, ao responder a unha pregunta formulada polos populares tras recibir as queixas dos usuarios do servizo. A pesar de asumir a responsabilidade pública, o erro non se pode reparar e a súa xestión deixa a un servizo clave para a cultura local en situación de vulnerabilidade.

Verónica Soto, concelleira do PP, criticou duramente a xestión da concelleira de Cultura. "Un erro o pode cometer calquera, pero cando ese erro afecta á educación musical dos nosos mozos e á cultura de Foz, estamos falando de máis que un despiste. Trátase dunha deixadez absoluta", afirmou. Soto tamén subliñou o desinterese da concelleira polo seu traballo e destacou que a súa prioridade parece ser alimentar conflitos políticos en lugar de dedicarse a solucionar os problemas dos veciños.

Desde o Partido Popular esixen que o goberno local busque de inmediato unha solución para compensar a perda desta subvención. "Se non son quen de facer o seu traballo correctamente, que polo menos teñan a decencia de reparar os seus erros, xa sexa cunha partida de fondos municipais ou solicitando axuda á Deputación de Lugo, onde o alcalde ten responsabilidades de goberno", indicou Soto.

A Escola de Música Municipal, que é un pilar importante para a cultura de Foz, non pode quedar ao marxe das irresponsabilidades dunha concelleira máis preocupada por organizar festas que por garantir a continuidade dun servizo cultural esencial para a vila. "Mentres gastan diñeiro en orquestras de moda, deixan morrer unha institución clave para a nosa cultura local. É un escándalo e un desprezo absoluto aos veciños de Foz", rematou Soto.

0.16878509521484