O PP de Foz denuncia a desatención dos servizos básicos no centro e nas parroquias

Foz
AMariñaXa
Sosteñen que se todas estas subidas de impostos e taxas se traducisen nunha mellora nos servizos aínda podería estar xustificado
lixo_rua_foz
18 Xuño 2024

“Un pobo sucio e desatendido a pesar da suba de impostos”, ese é o balance que fai o Partido Popular do primeiro ano da segunda lexislatura do bipartito en Foz. Dende a formación política aseguran que non hai familia que non vira afectada a súa economía particular ben sexa porque se incrementou o servizo de recollida de lixo ou as outras subidas aprobadas nos últimos meses como a das licencias de obras, a de expedición de documentos, a das terrazas ou mesmo a de residencia de maiores.

Sosteñen que se todas estas subidas de impostos e taxas se traducisen nunha mellora nos servizos aínda podería estar xustificado pero a realidade é que “do facer máis con menos do Partido Popular pasamos a que con máis cartos e aumento de impostos hai menos e peores servizos, é dicir, pasamos ao facer menos con máis do PSOE e BNG”, sinala o voceiro popular, Jorge Castiñeira. “Salta á vista, e así se queixan os veciños, a desatención dos servizos básicos que estamos a sufrir tanto nas parroquias como no centro urbano”, lamenta o voceiro do PP de Foz.

Neste sentido, aseguran que o centro urbano cada vez está máis sucio, con problemas de circulación, con fochancas, con obras paradas, cos pasos de cebra sen pintar e cada vez hai menos sitios para estacionar os vehículos; e as parroquias están abandonadas, sen rozar e as áreas recreativas (como a de Fondás, na parroquia de Vilaronte) están descoidadas. Polo tanto, o PP de Foz prevé un verán caótico en todos os. Por último, os populares recordan que o goberno bipartito de PSOE e BNG debería ter programado un plan de emprego municipal que xa tiña que estar en marcha.

0.11293911933899