O PP de Foz cuestiona no Pleno a xestión da residencia de maiores

O Pleno ordinario celebrado esta semana en Foz volveu situar no centro do debate político municipal a xestión da residencia de maiores. O voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, preguntou ao alcalde polos motivos polos que, case un ano despois de que o Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia (TACGAL) anulase a adxudicación do servizo, o goberno local non retomou a contratación incorporando un sistema de axudas aos usuarios.
O TACGAL dera a razón aos grupos da oposición ao considerar que non era posible licitar un novo contrato sen aprobar previamente medidas de apoio económico para aquelas persoas que non podían asumir a suba das tarifas prevista polo executivo local. A pesar diso, segundo expuxo o PP, a situación segue sendo “irregular”, xa que o Concello estaría a compensar economicamente á empresa concesionaria con máis de 300.000 euros anuais, unha contía que, ao seu xuízo, supera o custo dun contrato correctamente formulado.
Castiñeira criticou duramente a postura do alcalde, asegurando que no propio Pleno recoñeceu a súa falta de interese por xestionar directamente a residencia. Neste contexto, o rexedor confirmou contactos coa Deputación de Lugo para integrar o centro na súa rede de residencias, unha vez que o Concello reciba a infraestrutura da Xunta de Galicia sen custo.
Desde o PP manifestan o seu desacordo con esta posibilidade, ao entender que suporía a perda de competencias municipais sobre un servizo que foi concibido como plenamente local. Os populares defenden unha xestión directa por parte do Concello e anuncian que non apoiarán ningunha cesión da residencia a outra administración, ao considerar que non existe unha razón obxectiva que xustifique este cambio.
O portavoz popular cualificou a situación como “un despropósito” e expresou a súa preocupación polo futuro dos usuarios e traballadores do centro, acusando ao alcalde de non escoitar ás persoas afectadas. Ademais, lembrou que a residencia foi un proxecto impulsado polo PP durante a súa etapa de goberno grazas á colaboración coa Xunta de Galicia.