O PP de Foz critica o “estado de abandono” do municipio ás portas do verán

Foz
AMariñaXa
Acusan ao goberno local de falta de planificación e reclaman urxencia nos traballos de limpeza e desbroce
Foz-PP-falta-desbroce-2025-xuno
9 Jun 2025

O Partido Popular de Foz volve levantar a voz ante a chegada do verán sen que o municipio amose sinais de preparación. Segundo denuncian, moitos espazos públicos seguen sen rozar nin limpar, o que afecta a paseos, accesos ás praias, áreas recreativas e estradas do rural. “É unha situación que xera malestar entre os veciños e tamén entre os visitantes que xa empezan a chegar”, apuntan desde o grupo popular.

Durante a última sesión plenaria, os populares preguntaron ao goberno municipal polos prazos previstos para o inicio dos traballos, pero, segundo aseguran, as respostas do alcalde foron “alleas á realidade” e non se recoñeceu “o evidente deterioro” de moitas zonas do concello.

O voceiro do PP, Javier Castiñeira, sinala que non se pode esixir aos veciños que manteñan limpas as súas fincas baixo ameaza de sancións, mentres o propio Concello non cumpre coa súa parte. “Non se está dando exemplo. Temos paseos cubertos de maleza e merendeiros que xa non se poden usar pola falta de mantemento”.

Desde o PP solicitan que se reforce o persoal municipal ou se contrate máis medios para atender con urxencia os traballos de desbroce, que consideran esenciais nestas datas. A imaxe que se está a proxectar entre os turistas que visitan Foz é, segundo din, “de abandono absoluto”.

Critican ademais que o goberno local recorra ano tras ano ás mesmas escusas, como a chuvia primaveral, para xustificar a súa inacción. “A meteoroloxía é a que é, e precisamente por iso hai que anticiparse, planificar e actuar con responsabilidade”, engade Castiñeira.

Os populares tamén puxeron o foco na falta de orzamentos municipais, que, segundo indican, agrava a desorganización xeral do Concello. “Xa vai medio ano e aínda non coñecemos os presupostos. Esta incerteza afecta directamente á calidade dos servizos públicos, como o desbroce, e impide avanzar en investimentos básicos”, conclúe o portavoz do PP de Foz.

⚙ Configurar cookies
0.12170696258545