O PP de Foz critica o abandono das fontes nas parroquias e pide “máis sensibilidade” ao goberno local

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian falta de investimento no rural e acusan ao executivo de priorizar a propaganda fronte ao mantemento dos espazos públicos
Foz-mal-estado-fontes-municipais-2026
6 Apr 2026

O Partido Popular de Foz reclamou ao alcalde, Fran Cajoto, e ao seu equipo de goberno unha maior atención ás parroquias do municipio, ao considerar que existe unha situación de abandono en elementos básicos como as fontes públicas.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, cuestiona a coherencia do executivo local ao destacar iniciativas vinculadas ao ciclo da auga mentres, ao seu xuízo, se descoida o estado real das infraestruturas no rural. “Non se pode falar dun plan de fontes municipais nin organizar charlas sobre o ciclo da auga cando moitas destas instalacións están en condicións deficientes”, sinala.

Como exemplo, Castiñeira menciona fontes situadas en distintas parroquias, como as da Cernada, en Vilaronte, ou a de Xinzo, en San Martiño, que, segundo afirma, presentan un estado de abandono. Neste sentido, insiste en que esta situación non é puntual, senón que afecta a numerosos puntos do rural focense.

Desde o grupo popular consideran que esta realidade evidencia unha falta de investimento e planificación nas parroquias, ás que cualifican de “esquecidas” pola actual xestión municipal. “Basta con percorrer o rural para comprobar que o estado das fontes pouco ten que ver coa imaxe que se está a trasladar desde o goberno”, engade o portavoz.

Así mesmo, Castiñeira critica o uso de recursos públicos en accións de comunicación institucional, que, segundo apunta, responden a unha estratexia de promoción política. “Estanse empregando cartos de todos os veciños, tamén dos que viven nas parroquias, en contidos propagandísticos en lugar de destinalos a mellorar servizos básicos”, sostén.

Por todo iso, o Partido Popular pide ao executivo local que realice unha revisión das actuacións levadas a cabo e que priorice o mantemento e a posta en valor das infraestruturas existentes, especialmente no rural. “Cómpre máis autocrítica e menos propaganda para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza”, conclúe Castiñeira.

0.1275999546051