O PP de Foz critica as obras na rúa Jesús Nazareno por falta de planificación

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian que a actuación non resolve problemas de accesibilidade e supón unha oportunidade perdida para humanizar o centro urbano
FOZ-obra-rúa-Jesús-Nazareno-(2)
23 Mar 2026

O Partido Popular de Foz expresou o seu malestar polo resultado das actuacións realizadas no centro urbano, centrando as súas críticas nas obras executadas na rúa Jesús Nazareno. O voceiro municipal da formación, Javier Castiñeira, considera que a intervención evidencia unha “falta de planificación e de visión global” por parte do goberno local.

Segundo expón o grupo popular, os traballos levados a cabo nunha das zonas máis sensibles do casco histórico non supoñen unha mellora estrutural da contorna, senón unha actuación superficial que non resolve os problemas existentes. Castiñeira sinala que, malia a intervención, persisten deficiencias en aspectos clave como a accesibilidade, especialmente no que atinxe ao ancho das beirarrúas.

Desde o PP advirten de que esta situación seguirá dificultando a mobilidade de determinados colectivos, como as persoas maiores ou con mobilidade reducida, que atoparán obstáculos nun espazo que debería estar adaptado ás súas necesidades. Neste sentido, consideran que a obra limítase a unha mellora estética que non responde ás demandas actuais.

Ademais, a formación asegura ter solicitado xa a documentación técnica do proxecto co fin de analizar en detalle a actuación, que cualifican de insuficiente. Segundo trasladan, parte da veciñanza tamén amosa o seu desacordo co resultado final, ao entender que se perdeu unha oportunidade para transformar a rúa nun espazo máis accesible e amable.

Os populares poñen como exemplo outras intervencións realizadas no propio municipio, nas que se apostou por modelos máis modernos e inclusivos, sen barreiras arquitectónicas. Por iso, instan ao goberno local a revisar o proxecto mentres aínda sexa posible introducir cambios que melloren a funcionalidade e a seguridade da rúa.

0.12796592712402