O PP de Foz critica ao alcalde por “falta total de transparencia” no proceso de licitación do ciclo da auga

Foz
AMariñaXa
Castiñeira reclama a convocatoria urxente da comisión de seguimento e denuncia o malestar veciñal pola suba das tarifas
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
9 Oct 2025

O Partido Popular de Foz volve cargar contra o alcalde, Fran Cajoto, por considerar que está a ocultar información relevante sobre o proceso de licitación do ciclo integral da auga. O voceiro popular, Javier Castiñeira, advertiu de que “levamos meses pedindo datos e aclaracións, pero o alcalde non informou absolutamente de nada”.

Segundo explicou, o propio goberno local comprometérase a convocar unha comisión de seguimento para garantir a transparencia do procedemento, “pero a día de hoxe seguimos sen noticias, o que demostra unha total falta de vontade de diálogo”. Castiñeira recalca que o silencio do executivo municipal “é inxustificable tratándose dun servizo esencial e que afecta directamente ao peto de todos os veciños”.

Desde o PP de Foz consideran especialmente grave esta actitude, máis aínda cando a cidadanía amosa o seu malestar polas últimas facturas da auga. “A xente está moi cabreada, e con razón, porque as tarifas subiron coa aprobación de PSOE e BNG ao comezo da lexislatura, pero as melloras no servizo non se ven por ningures”, subliñou o portavoz.

Os populares reclaman que Cajoto dea explicacións públicas e convoque canto antes a comisión prometida, coa presenza de todos os grupos municipais. “Queremos un seguimento real do proceso, non un expediente pechado entre catro paredes”, afirmou Castiñeira, que recordou tamén que “non queremos que pase como coa residencia de maiores, onde o alcalde tratou de impoñer decisións sen diálogo nin información previa”.

O PP conclúe que “a transparencia e o respecto institucional son imprescindibles nun asunto tan sensible como a xestión da auga”, e reitera que continuará pedindo aclaracións ata que se garantan “procedementos claros e participación real” no Concello de Foz.

⚙ Configurar cookies
0.072748899459839