O PP de Foz critica a eliminación dos aparcadoiros da praza de Galicia
O PP insta ao Goberno local de Foz a atender as reclamación dos veciños da praza de Galicia fronte ao proxecto para esta rúa e a eliminación dos aparcadoiros sen ofrecer alternativas.
"Agora que aguilloado pola proximidade das eleccións locais, o alcalde, Fran Cajoto, sente présa por facer as obras que non fixo ao longo do mandato, queda en evidencia a súa incapacidade para xestionar o desenvolvemento dos proxectos sen causar graves prexuízos aos veciños, como pon de manifesto o portavoz popular, Javier Castiñeira, que engade “acumúlanse as queixas dos veciños afectados polas obras nas rúas entre a glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana”.
Castiñeira explica: “os residentes en 22 vivendas das 29 existentes na praza de Galicia firman un escrito solicitando o cambio do proxecto e moita máis información sobre as obras que se pretenden levar a cabo en dita praza; non é admisible que o goberno faga obras sen ter informados aos veciños, como leva dicindo o PP dende que soubo do proxecto”.
Os populares indican que “os veciños atópanse con sorpresa con obras coas que non contaban”. No escrito, “os veciños, practicamente da totalidade das casas, porque hai algunha deshabitada, alegan que a maior parte das vivendas carecen de aparcadoiro e que o proxecto de Cajoto elimina máis da metade das prazas sen ter unha alternativa riba da mesa”. Castiñeira sinala que moitos destes veciños son maiores, non foron informados e temen que lles pase como aos veciños de Curros Enrique, perder o pouco aparcamento que teñen e que deben compartir con usuarios e profesores do colexio número 1 e, no verán, cos turistas”.
Castiñeira di: “Unha vez máis, dende o PP rogamos ao señor Cajoto que escoite aos afectados e que se deixe de antepoñer os seus intereses electorais por diante dos intereses dos veciños afectados”. Lembra que “cando se acometeron as obras da avenida da Mariña e de Álvaro Cunqueiro, de moita máis envergadura e con moitos máis afectados, creáronse prazas de aparcadoiro alternativas e fixéronse as obras por metades, para facilitar o acceso aos veciños e aos negocios; agora faise o contrario: elimínanse aparcadoiros e, os que hai, úsaos a empresa contratista, para o seu acomodo, e fanse as obras en toda a rúa, o que provoca que hai veciños que levan case dous meses sen poder usar os seus garaxes”.
No PP din que, a situación que describen, é o froito da desorganización do goberno local, fronte á que reclaman os veciños; “reclaman máis información e cambios no proxecto, porque afecta a moita xente que está en desacordo”.