O PP de Foz critica a actitude do alcalde ante a dimisión do director da Escola de Música

Foz
AMariñaXa
O Partido Popular de Foz tilda de “moi grave que o alcalde tivese a dimisión do director da Escola de Música catro meses no caixón"
7 Xul 2021

O Partido Popular de Foz tilda de “moi grave que o alcalde tivese a dimisión do director da Escola de Música catro meses no caixón sen avisar a ninguén”. Así o advirte o edil Juan Rivas logo de asistir  á comisión de seguemento convocada esta semana polo rexedor; xuntanza que se produce, como indica o propio concelleiro do PP, “moi tarde”, pois o socialista é coñecedor da “crítica situación” pola que atravesa o centro formativo dende principios de ano. 

Para o popular que o alcalde tampouco informase aos grupos políticos durante todo este tempo é “vergoñento, é unha mala xestión e evidencia unha actitude que vén marcando ao Sr. Cajoto dende que é alcalde, que é rirse dos problemas e intentar que se solucionen nun caixón debaixo da mesa, conseguindo con elo que acaben agrandándose aínda máis”.

Neste senso, Juan Rivas considera que este caso “é outro máis” e que se suma, di, “aos dos xubilados ou ao da depuradora”. “Logo as consecuencias sempre son moio peores”, advirte. 

Diante esta situación, os populares preguntaron na sesión plenaria por este asunto en cuestión, e fixérono porque “fontes internas” alertáronos de que “o problema pode ser maior e traer máis dimisións”.

“A escola está en perigo, ata o di a AMPA e o alcalde non ten a solución; o único que fai é que llas dean os demais”. Con todo, e en aras de garantir o correcto funcionamento do centro, dende o PP adiantan que “non imos estar en contra da solución aínda que sexa provisional, pero o certo é que se deben de dar presa. É necesario volver a preparar as matrículas para estar en setembro listos. Podemos ter problemas co inicio de curso”, insiste Rivas.

Sen cambios no equipo directivo e docente

O Grupo Municipal do PP agarda que se manteña o equipo directivo e docente, pois “levan feito un traballo extraordinario durante estes anos”. “Hai que darlle unha solución á parte máis administrativa e iso ten que facelo o alcalde”, conclúen.

0.18615579605103