O PP de Foz asegura que son os cartos da Xunta os que financian dúas obras

Foz
AMariñaXa
O grupo municipal do PP focense destaca que grazas aos fondos da Xunta, o Concello poderá mellorar dúas estradas locais en Villaronte.
22 Feb 2021

O grupo municipal do PP focense destaca que “grazas aos fondos da Xunta de Galicia, o Concello poderá mellorar dúas estradas locais en Villaronte, cos mais de 40.000 euros cos que Agader financia o plan de mellora de estradas rurais en Foz”. A concelleira popular Verónica Soto sinala quea mellora será substancial, porque suporá renovar integramente estas dúas estradas, que o Concello de Foz ten en moi mal estado; trátase da pista que une as estradas provinciais e autonómicas e a que enlaza esta con Mañente”.

Soto lembra que “a rede viaria local de Foz está en moi mal estado; o pouco que fixo este goberno nas estradas estivo centrado en tapar de mala maneira as fochancas, que volven aparecer ao pouco tempo”. Engade: “O sistema que usou o goberno local este inverno foi totalmente ineficaz é perigoso, porque o que se conseguiu foi crear zonas inestables nas calzadas, das que salta grava miúda que ocasiona un grave risco de caída a motoristas e ciclistas e de danos a vehículos e persoas”.

A mesma concelleira popular explica que “a Xunta promove co seu plan de arranxo de camiños municipais financiado por Agader a mellora integral de estradas rurais coa idea da permanencia e a durabilidade, o cal garante varios anos de bo estado”. Soto lembra que “o Partido Popular de Foz apoiou este proxecto, votou a favor na pasada comisión de asuntos de pleno e agradece o compromiso da Consellería de Medio Rural cos concellos e coas nosas parroquias”.

Verónica Soto di: “Nestes últimos anos, con estes fondos arranxáronse estradas na maior parte das parroquias de Foz; esperamos que o equipo de goberno local atenda as reclamacións de moitos veciños do rural que, como os de Villaronte, se queixan do mal estado dos acceso aos núcleos e ás áreas recreativas como a de Fondás, que están imposibles”.

0.082453012466431