O PP de Foz alerta dunha grave crise de seguridade e reclama accións inmediatas

Foz
AMariñaXa
A formación denuncia o aumento de actos vandálicos e reclama a convocatoria urxente da Xunta de Seguridade Local ante a “pasividade” do goberno municipal
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
20 May 2025

O Partido Popular de Foz vén de lanzar unha dura crítica á xestión do alcalde Fran Cajoto en materia de seguridade cidadá, advertindo dunha “deriva preocupante” que estaría a derivar nun clima de inquedanza entre a veciñanza. Segundo o voceiro popular, Javier Castiñeira, o municipio vive “un dos peores momentos que se lembran” en termos de orde pública, con episodios de violencia, pintadas vandálicas e danos no mobiliario urbano que, afirma, reflicten unha situación de descontrol e abandono.

“O que está a suceder nas rúas de Foz non é unha casualidade nin unha etapa pasaxeira: é o resultado directo da inacción dun alcalde que goberna sen equipo, sen diálogo e sen escoitar nin á cidadanía nin aos profesionais da seguridade”, afirma Castiñeira.

O PP local esixe que Cajoto, como máximo responsable da Policía Local, asuma as súas competencias e actúe con determinación. “Non pode seguir agochándose detrás de escusas. É o momento de asumir responsabilidades e poñer en marcha solucións reais”, engade o voceiro popular.

Entre as medidas que propoñen, reclaman a convocatoria inmediata da Xunta de Seguridade Local, co fin de coordinar actuacións coa Subdelegación do Goberno e as forzas e corpos de seguridade do Estado, e garantir así un reforzo de medios e presenza policial nas rúas.

“A cidadanía está farta. O pobo está sucio, con servizos desatendidos, obras mal planificadas e problemas crecentes de mobilidade. O que máis preocupa agora é a sensación de inseguridade, que vai en aumento e afecta tamén ao pequeno comercio”, denuncia o PP, que chama ao goberno local a “saír do letargo e tomar medidas antes de que sexa demasiado tarde”.

⚙ Configurar cookies
0.1312530040741