O PP de Foz acusa ao goberno local de manter unha política “recaudatoria” que prexudica ás familias

Foz
AMariñaXa
Os populares critican recargos en recibos, problemas na facturación da auga e o cobro na comida de homenaxe aos xubilados
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
6 Mar 2026

O Partido Popular de Foz denunciou publicamente a política fiscal que, segundo a súa valoración, está a aplicar o goberno municipal socialista encabezado polo alcalde Fran Cajoto. A formación popular considera que o executivo local mantén unha estratexia centrada en aumentar a recadación “a costa do peto dos veciños”, unha dinámica que —afirman— se vén repetindo ao longo da actual lexislatura e tamén na anterior.

O voceiro do PP focense, Javier Castiñeira, asegurou que nos últimos días se produciron situacións que cualifica de “totalmente surrealistas” e que afectan directamente á economía de moitas familias do municipio. Segundo explica, varios veciños comezaron a recibir notificacións con recargos e mesmo sancións a pesar de ter os pagos domiciliados correctamente.

“Estes días están chegando recibos con recargos e mesmo sancións a veciños que tiñan os pagos domiciliados perfectamente. Isto demostra unha absoluta falta de control por parte do goberno local sobre a xestión dos cobros que se realiza a través da Deputación de Lugo”, afirmou Castiñeira.

De acordo coas explicacións ofrecidas polo portavoz popular, hai taxas municipais que non se cobraron no momento correspondente e que agora están a ser reclamadas con recargos engadidos. Para o PP, esta situación supón unha carga inxusta para os contribuíntes, que se atopan con pagamentos máis elevados por cuestións alleas á súa responsabilidade.

Outro dos aspectos que o grupo popular pon sobre a mesa é o relacionado coa facturación da auga. Castiñeira sostén que nos últimos días chegaron recibos acumulados correspondentes a varios períodos, o que, unido ás subas aplicadas neste bimestre, supón —segundo indica— un novo impacto na economía doméstica de moitas familias de Foz.

O portavoz popular tamén criticou a decisión de cobrar cinco euros aos arredor de setecentos xubilados que participan na tradicional comida de homenaxe organizada polo Concello. Segundo lembra, este encontro sempre foi gratuíto e constituía un xesto simbólico de recoñecemento ás persoas maiores do municipio.

“Agora o alcalde, na súa obsesión por recadar, decidiu cobrar incluso aos xubilados por unha comida que sempre foi un xesto de recoñecemento do Concello cara a eles”, lamentou Castiñeira.

Desde o Partido Popular consideran que estas medidas responden ao que cualifican como unha “obsesión recadatoria” por parte do executivo local. Ao mesmo tempo, critican que mentres aumenta a presión fiscal sobre os veciños, o goberno municipal centra boa parte da súa actividade en accións de promoción e comunicación institucional.

“Mentres os veciños pagan máis impostos, o único que fai o señor alcalde é sacar fotos e vídeos para vender unha xestión que en realidade está castigando o peto dos focenses”, afirmou o portavoz popular.

O PP de Foz lembra que xa trasladou ao alcalde a súa preocupación por esta situación e insiste en que este non é o camiño que debería seguir o goberno municipal. Neste sentido, Castiñeira advertiu de que a súa formación non apoiará uns orzamentos que continúen baseándose no incremento da carga fiscal.

“Se a única idea do goberno local é seguir subindo impostos para recadar máis, o Partido Popular non vai aceptar esa política e non nos sentaremos na mesa dos orzamentos. O que hai que facer é aliviar a carga fiscal dos veciños e non seguir con máis cobros e máis recargos”, concluíu.

0.12242293357849