O PP de Foz acusa ao goberno local de mala planificación na cea de coroación do Entroido

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian que peñas históricas e veciñanza do municipio quedaron sen praza nun dos actos centrais da festa
Javier-Castineira-PP
20 Jan 2026

Partido Popular de Foz cargou con dureza contra o goberno socialista e contra o alcalde, Fran Cajoto, pola organización da cea de coroación do Entroido, unha situación que, segundo denuncian, deixou sen entrada a varias peñas do municipio e a numerosos carnavaleiros locais nun dos actos máis emblemáticos das festas.

O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegura que o ocorrido é consecuencia directa dunha mala xestión municipal. Ao seu xuízo, “o goberno socialista de Foz e o alcalde Cajoto non están facendo ben as cousas”, o que provocou que “xente de Foz, peñas históricas e pandillas que representan o futuro do Entroido quedasen fóra da cea de coroación”.

Desde o PP recoñecen que se trata dun acto cunha elevada demanda, pero consideran que esa circunstancia non pode xustificar a exclusión de veciños do propio municipio. Castiñeira defende que, cando unha festa se financia con fondos públicos, “cos impostos de todos os veciños”, o lóxico sería establecer criterios que prioricen ás persoas empadroadas en Foz. “Non pode ser que a falta de planificación dun goberno que presume de xestión acabe deixando fóra á súa propia veciñanza”, subliña.

Os populares lembran que dar prioridade á xente do concello non sería ningunha novidade, xa que se trata dun sistema habitual en numerosas celebracións doutros municipios da Mariña e do conxunto de Galicia. Neste sentido, Castiñeira considera “inxusto” que veciños de Foz queden sen sitio mentres persoas doutras localidades ocupan prazas “que deberían corresponder á nosa xente”.

Outra das críticas formuladas polo PP céntrase no modelo organizativo escollido polo goberno municipal. Segundo explican, o executivo de Cajoto optou nos últimos anos por asumir en solitario a organización do Entroido, renunciando á comisión de festas que existía anteriormente. Para os populares, esta decisión está a evidenciar unha clara falta de planificación e de capacidade de xestión. “O sistema do ‘primeiro que se apunta’ non é nin xusto nin axeitado para un acto destas características”, afirma o voceiro.

Ante esta situación, o Partido Popular reclama ao Concello que revise de maneira inmediata o actual modelo e busque solucións para permitir a participación das peñas e dos carnavaleiros de Foz que quedaron excluídos. “Falamos de grupos numerosos, moi implicados e fundamentais para o Entroido, que non poden quedar fóra por unha mala organización do alcalde e do seu equipo”, insiste Castiñeira.

Desde a formación popular tamén lembran que foi o PP quen impulsou e consolidou no seu momento a cea de coroación como un dos actos centrais do Entroido de Foz, contribuíndo a convertelo nun referente festivo. Por ese motivo, consideran especialmente grave o que cualifican de “caos organizativo” xerado polo actual goberno socialista.

Aínda que recoñecen a popularidade e a proxección do Entroido de Foz en toda a Mariña, na provincia e no conxunto de Galicia, os populares insisten en que esa visibilidade exterior “non pode facerse a costa de deixar fóra á xente do municipio”.

Finalmente, Javier Castiñeira conclúe que “Foz necesita xestión, organización e sentido común”, algo que, ao seu entender, non está a demostrar o actual goberno local. “A mala planificación do alcalde Cajoto está a xerar malestar entre os veciños e entre os propios carnavaleiros”, remata.

⚙ Configurar cookies
0.077230930328369