O PP de Foz acusa ao Goberno local de “fracasar estrepitosamente” na xestión do socorrismo

Foz
AMariñaXa
Castiñeira alerta da precariedade do servizo: “Só hai 6 socorristas profesionais e praias sen cobertura”
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
7 Aug 2025

O Partido Popular de Foz denunciou esta semana no pleno municipal o que cualifica como “fracaso total e absoluto” do Goberno local, liderado polos socialistas, na organización do servizo de socorrismo durante a tempada estival. Segundo explicou o voceiro popular, Javier Jorge Castiñeira, a situación actual é “alarmante” e pon en risco tanto aos bañistas como aos propios traballadores do servizo.

Nunha intervención no pleno, Castiñeira preguntou cantos socorristas profesionais están operativos a día de hoxe nas praias do municipio. A resposta foi clara: só hai seis socorristas titulados, e os restantes oito postos —ata completar os 14 que forman o cadro total— están ocupados por auxiliares. Para o PP, esta cifra é “claramente insuficiente” e, sobre todo, “perigosa para a seguridade dos usuarios das praias”.

O portavoz popular asegura que esta precariedade afecta especialmente ás praias con distintivo de bandeira azul, xa que, segundo denuncia, “en moitos casos non se poden izar porque o Concello non conseguiu contratar suficiente persoal cualificado”. Ademais, asegura que nalgúns areais non hai socorristas ningún durante determinados días da semana ou que a vixilancia queda exclusivamente en mans de auxiliares.

Castiñeria considera que a situación é “irregular e inxustificable”, e advirte de que está a poñer en risco tanto a seguridade dos bañistas como o desenvolvemento profesional dos traballadores. “Moitos destes auxiliares están asumindo funcións para as que non teñen a formación axeitada”, afirma.

Un dos aspectos máis graves, segundo denunciou o PP, é que en caso dunha emerxencia nunha praia atendida só por persoal auxiliar, este non pode actuar directamente. “Confirmouse no pleno que, de darse unha urxencia, o auxiliar ten que chamar a outro servizo de emerxencias porque legalmente non pode intervir. Isto é inaceptable e un risco evidente para a saúde e mesmo para a vida das persoas”, criticou Castiñeira.

O voceiro popular tamén puxo o foco na comparación con outros concellos da contorna, asegurando que Foz se atopa “nunha situación moito peor que calquera municipio veciño, onde contan cunha estrutura de socorrismo máis profesionalizada e con máis recursos”.

Desde o PP esixen ao executivo local que “asuma responsabilidades, recoñeza o erro e cambie a súa estratexia” na planificación do servizo. “É inxustificable que Foz teña que renunciar a izar as súas bandeiras azuis por falta de persoal, pero é aínda máis grave que se estea a xogar coa seguridade da veciñanza e dos visitantes”, sentenciou.

O grupo popular reclama unha planificación eficaz e a dotación de medios suficientes para garantir un servizo de socorrismo á altura das necesidades dunha vila costeira como Foz, especialmente nun verán no que a afluencia ás praias é elevada.

⚙ Configurar cookies
0.18227100372314