O PP de Foz acusa ao goberno local de bloquear as subvencións nominativas ao CD Foz e ao CB Celtas

Foz
AMariñaXa
Os populares reclaman o pago inmediato das axudas económicas pendentes para garantir a estabilidade das novas directivas dos dous principais clubs deportivos do municipio
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
23 Jul 2025

O Partido Popular de Foz vén de denunciar a falta de apoio económico por parte do goberno local aos dous principais clubes deportivos do municipio, o CD Foz e o CB Celtas, que acaban de renovar as súas directivas. Segundo o voceiro popular, Javier Castiñeira, trátase de equipos "cunha función social e educativa incuestionable" que levan anos agardando polo pago das subvencións nominativas comprometidas polo Concello.

Castiñeira celebrou a chegada de novas directivas ao fronte destas entidades, ás que definiu como "mozas, con enerxía e compromiso", pero advertiu de que "non poden asumir proxectos nin garantir a continuidade das actividades deportivas sen a seguridade que dá contar cos recursos comprometidos".

O voceiro popular asegura que o alcalde, Fran Cajoto, leva anos incumprindo os prazos de pagamento destas axudas, a pesar das promesas reiteradas. “Non se trata de simples atrasos; estamos a falar de cantidades importantes que forman parte esencial dos orzamentos anuais destes clubs, e sen elas vense abocados a funcionar na incerteza máis absoluta”, sinalou.

Desde o PP lembran que xa en marzo deste ano se interesaron polo estado destas subvencións, co obxectivo de facilitar a transición ás novas directivas e garantir un inicio de etapa estable. “O mínimo que merecen é respecto institucional e respaldo real. Non se pode pedir planificación e esforzo sen cumprir os compromisos básicos”, engadiu Castiñeira.

O Partido Popular esixe ao alcalde que aboe de inmediato as cantidades pendentes e deixe de utilizar "escusas administrativas" para xustificar os atrasos. Segundo o PP, o traballo desinteresado das persoas que lideran estas entidades “non pode verse lastrado pola deixadez dun goberno que debería ter na promoción do deporte unha prioridade”.

⚙ Configurar cookies
0.15055298805237